Sunday 05 de May de 2024

A Xunta agradece ás forzas de seguridade o seu labor para velar polo cumprimento das medidas de prevención fronte á Covid-19


― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a reunión da Sala de Control de Operativos (Sacop), que remata a súa función unha vez finalizada a situación de emerxencia sanitaria en Galicia

― Santiago Villanueva puxo en valor o traballo dos diferentes corpos que formaron parte do órgano, que tivo máis de 60 reunións e que fixo traslado de información das medidas de control sanitario adoptadas en máis de 90 ocasións

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión da Sala de Control de Operativos (Sacop) para agradecer ás forzas de seguridade o seu traballo nos meses de pandemia, tendo en conta que, coa finalización da situación de emerxencia sanitaria en Galicia, acordada polo Consello da Xunta o pasado 21 de outubro, e a conseguinte desactivación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) en nivel de interese galego, o Sacop queda tamén automaticamente desactivado.

Santiago Villanueva puxo en valor o traballo dos diferentes corpos que formaron parte deste órgano, que mantivo a súa actividade desde o inicio da pandemia coa activación do Plan de Emerxencia de Galicia (Platerga). Para o director xeral de Emerxencias e Interior, os axentes que formaron parte dos dispositivos implicados foron un exemplo de colaboración e de coordinación coas administracións nos dispositivos semanais que levaron a cabo para velar polo cumprimento das medidas adoptadas por mor da covid-19 “en beneficio da poboación galega e como garante dos seus dereitos e da súa saúde, combatendo o virus na primeira liña de actuación”.

A raíz da declaración do primeiro estado de alarma en marzo de 2021 e da activación do Platerga, en Galicia activouse o Centro de coordinación Operativa (Cecop), que se reuniu en dez ocasións e que delegou as súas funcións na Sala de coordinación Operativa (Sacop) como órgano encargado de trasladar a e velar polo cumprimento das medidas de control adoptadas polas autoridades sanitarias. O órgano estaba conformado por representantes de todas as policías locais de Galicia, polos mandos da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Autonómica, e polos responsables da Fundación 061, bombeiros, servizos municipais de Protección Civil e agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

Ao longo dos últimos 20 meses, a sala de Control de Operativos (Sacop) mantivo máis de 60 reunións e trasladou información das medidas de control sanitario adoptadas en máis de 90 ocasións.